Cómo nos afecta a ignorancia dos nosos nenos:
A importancia de coñecer o que pasa en África e no resto do mundo
(8/05)
Sinopse:
Os norteamericanos posúen tan poucos coñecementos sobre o mundo que non é doado para eles imaxinar que un continente é peor ca outro. Botándolle unha ollada ós xornais, Daniel Patrick Welch explora o gran descoñecemento que Norteamérica posúe sobre África. Cando Daniel e a súa muller organizaron unha visita dunha personalidade da realeza á súa escola, fíxose patente o descoñecemento cultural existente sobre o 'Continente Negro'. Aínda que algunhas das cousas que se dixeron poidan resultar divertidas, a verdade é que fan presaxiar que sobre as xeracións vindeiras vaise estender un Reino de Ignorancia se os adultos non comprenden que se os seus fillos saben tan pouco do mundo que os rodea é debido a que eles saben aínda menos.
De sobra é coñecido que os rapaces norteamericanos obteñen peores notas que os seus homólogos estranxeiros no que respecta á xeografía, e África en particular é o continente do que menos coñecementos posúen. As razóns que provocan este vergoñoso descoñecemento ou desinterese son moitas e moi variadas, sobre todo debido á posición actual dos Estados Unidos no plano mundial, pero non obstante, algunhas delas son doadas de explicar.
En calquera sociedade, os rapaces non posúen normalmente máis coñecementos que os seus propios mestres, os seus pais, os xornalistas, os libros de historia ou os grandes pensadores no que respecta á exploración e adquisición de coñecementos sobre o resto do mundo. E non vai ser doado que os nosos fillos poidan abrirse paso nesta morea de mentiras, ignorancia, suficiencia, desinterese e racismo. A prensa mediocre, sensacionalista, imprecisa e ignorante é tan vella coma o mundo. Pero tamén é verdade que moitas veces pódese notar unha notable resistencia, unha ignorancia voluntaria e unha vehemencia deliberada a non querer saber demasiado sobre ese continente de cuxa explotación todos somos cómplices.
Dende a xeración dos nosos pais, existe unha confusión comprensible, mesmo malsá, sobre o 'Continente Negro'. Os 'países' africanos non existían como tales, simplemente existía unha mestura de posesións coloniais cuxas fronteiras, coma se de un quebracabezas se tratara, foran repartidas polas potencias imperiais europeas: o Oeste de África era francés, o Congo, belga. As fronteiras artificiais cortaban moitas veces os reinos e territorios de sociedades que dende sempre se estableceran naquelas terras. Todo iso para poder explotar e administrar de maneira eficaz os incribles recursos naturais que posuían, sen importarlles a estabilidade ou o respecto da xente que vivía alí. Esas fronteiras artificiais crearon inevitables tensións que sacudirían o continente durante moitas xeracións sen que a ninguén lle importase, e a violencia que se viviu dende entón non era mais que a 'proba' de que aqueles pobos non sabían gobernarse sen axuda externa.
A cultura popular mantivo e agravou os mitos oficiais e se preguntaban se as xentes de África poderían chegar algún día a dar a coñecer a súa cultura. "I'd be just as sassy as Haile Salassie" ("vou ser tan insolente como Haile Salassie") dicía unha popular canción. Moito tempo despois, Bob Marley puxo un certo equilibrio poñendo música ás partes máis importantes do reto de Salassie á Liga das Nacións: "Until the philosophy that holds one race superior and another inferior is finally and permanently discredited and abandoned, everywhere is war." ("Mentres non se desacredite e se poña fin á filosofía que considere que unha raza é inferior a outra, o mundo estará en guerra") ¿Coñecería Marley a canción "Shantytown"? ¡Quen sabe! Pero ás veces a propia cultura sobrepasa a historia para deixar as cousas claras.
Durante a independencia, as reportaxes eran sistematicamente pro-imperialistas, iso se chegaban a ter algunha idea do que pasaba en realidade... Jonathan Kwitny, un antigo xornalista do Wall Street Journal, lémbrase deste fenómeno no seu libro Endless Enemies. Lémbrase daquela repetitiva frase que escoitaba cando era mozo e que dicía "rioting Congolese" ("revoltas no Congo") que sempre ían acompañadas de imaxes de moreas de africanos correndo diante das tropas belgas.
O máis triste de todo é comprobar o pouco que cambiaron as cousas. Seguimos a ser verdadeiramente ignorantes no que respecta a este mundo no que temos unha posición tan preponderante, e o futuro dos nosos fillos semella seguir o mesmo camiño. Os nosos mestres, as nosas escolas, os nosos xornalistas e os formadores de opinión seguen a ter un certo pensamento colonialista. Mesmo empregan de forma vergoñosa antigos termos imperialistas como: tribo, clan ou dialecto, conceptos todo eles procedentes das deliberadas tentativas de deslexitimar os pobos conquistados. Mesmo o debandito emprego do 'políticamente correcto' debería poñer fin a estas barbaridades ou ós típicos clichés que son completamente absurdos. ¿Acaso os serbios son unha tribo? ¿E os checos? Mesmo Liechtenstein e Mónaco semellan merecer o respecto que África non chega a ter. Ninguén considera os Windsor coma un clan e ata os que gañan a Superbowl varias tempadas seguidas chegan a denominarse 'Dinastía'. Tampouco os franceses, os españois, os portugueses ou os italianos falan 'dialectos', mesmo cando as súas linguas son bastante máis interdependentes que os centos de linguas africanas tan complexas e variadas.
Durante os preparativos da recente visita a nosa escola da Raíña de Buganda [ver
greenhouseschool.org
], asombrounos o feito de que un xornalista dubidase da existencia da monarquía, un xeito de pensar cavernícola ó que pensara que puxeran fin no século pasado. Ninguén emprega calificativos cando escribe que Lucy era femia, ou que os dinosaurios camiñaron unha vez sobre a Terra. Pero ó tratarse de África, non existe o Carbono 14, nin a antropoloxía forense, a historia oral non é 'verdadeira' historia, pero si que o é a sacrosanta historia escrita de occidente (¿como o poema de Paul Revere ou a bandeira de Betsy Ross?). Mesmo cando se lles fornecen ós xornalistas referencias exactas, algúns prefiren ignorar os comunicados de prensa e volver ás súas ideas preconcebidas do tema.
Moitas veces os norteamericanos se aíllan do resto do mundo, pero é verdade que só o avestruz é quen de sentirse a gusto ignorando a realidade. A nosa forma de pensar, de sentir, de falar e de ensinar o noso pasado é a base do noso presente e o noso futuro. Se nos dedicamos a cometer os mesmos erros unha e outra vez, estaremos a privar ós nosos fillos das ferramentas necesarias para poder formar parte da grande comunidade de cidadáns do mundo.
© 2003 Daniel Patrick Welch. Permítese a súa reprodución sempre que se mencione a fonte e se acompañe dun enlace con www.danielpwelch.com
Traducido por Marta
^ Top ^
O escritor, cantante, lingüista e activista, Daniel Patrick Welch vive en Salem, Massachusetts (E.U.A.) xunto coa súa muller Julia Nambalirwa-Lugudde. Xuntos administran
The Greenhouse
School. Algúns dos seus artígos teñen sido emitidos na radio e están traducidos a máis de 20 linguas. O autor agradecerá calquera enlace á súa páxina danielpwelch.com.
|